Xornada Plans de mobilidade e Accidentes de tráfico Laborais

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, en colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico e con Mutua Universal, reuniu o pasado mes de marzo nun foro de análise a autoridades da DGT, a expertos en Prevención de Riscos Laborais, a empresarios e a responsables de recursos humanos e de prevención no sector empresarial, co obxectivo de concienciar sobre a importancia de poñer en práctica medidas para diminuír os dous tipos de accidentes de tráfico laborais:

Accidentes in itinere, que son os que se producen no desprazamento dende o domicilio do traballador ata o posto de traballo.

Accidentes en misión, que son os que se sofren no transcurso da xornada laboral, por exemplo en tarefas de representación comercial ou de transporte de mercadorías.

Na presentación da xornada, o secretario da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Manuel González Tizón, asegurou que os accidentes de tráfico laborais constitúen unha das grandes preocupacións para o colectivo empresarial, e de forma particular para os empresarios do Polígono, pola elevada densidade de tráfico na zona e polas características dos diferentes viais de acceso dende a cidade de Ourense e dende outras localidades do ámbito.

José Manuel formulou a necesidade de “concienciar a todos os empresarios sobre a transcendencia de introducir e aplicar boas prácticas en materia de Prevención de Riscos Laborais, poñendo todos os medios para reducir os sinistros e creando á vez un ambiente propicio para a implantación de sistemas produtivos seguros”.

Pola súa banda, o director provincial de Tráfico iniciou a súa exposición constatando que tanto os accidentes in itinere como en misión “non” descenderon nos últimos anos ao mesmo ritmo que o resto da sinestralidade de tráfico, sendo a distracción a súa causa principal e, polo tanto, máis difícil de atallar que outras causas máis concretas que provocan accidentes”.

Con todo, para lograr melloras e intentar rebaixar a sinestralidade,David Llorente considera imprescindible ”incorporar ás empresas á nova cultura de seguridade vial que se instalou no noso país nos últimos anos. Para iso, á parte doutras iniciativas, os centros de traballo poden realizar plans de mobilidade con medidas concretas encamiñadas a mellorar a seguridade vial dos seus traballadores, o que ademais pode levar consigo mesmo unha bonificación nas cotizacións á Seguridade Social”, puntualizou.

En opinión do director provincial de Tráfico, a execución dun plan de mobilidade eficaz sempre achega beneficios para as empresas: Pódelles axudar a mellorar as súas contas, ao haber menos días de baixa por accidentes dos seus traballadores, ademais de lograr seguros de frota ou de vehículos máis económicos e tamén bonificacións fiscais. Investir en seguridade vial laboral non é un gasto, é un investimento” concluíu.

Os asistentes á xornada tiveron oportunidade de coñecer as formas de acceder e tramitar o Bonus Prevención, co que as empresas que acrediten unha baixa sinestralidade laboral poden obter descontos nas cotizacións á Seguridade Social. Da divulgación deste contido práctico do programa se encargaron dous representantes de Mutua Universal, María del Mar Arias Matilla, técnica en xestión da área de sinistralidade, e Pablo Espinosa, integrante da área xurídica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>