Exposome, unha poderosa ferramenta para avaliar a exposición ambiental (I)

¿Cales son os factores polos que os humanos evolucionamos da saúde á enfermidade? Esta gran pregunta ten unha clara resposta: dende as exposicións tóxicas ambientais ata a vulnerabilidade xenética, pasando polo noso comportamento e estilo de vida, todo iso contribúe ao desenvolvemento da enfermidade.

Décadas de investigación evidencian que aínda que na orixe do cancro e da maioría das enfermidades crónicas existen tanto causas xenéticas como ambientais son, sen dúbida, estas últimas as máis importantes (80-90%). Non obstante, a pesar da súa enorme importancia, o “ambiente” segue sendo moi pouco coñecido.

No ano 2005 o Dr. Christopher P. Wild, director da axencia internacional para investigación do cancro, contrastou o esforzo e os custos que se dedicaron aos estudios xenéticos en contraposición aos ambientais.

A balanza estaba claramente a favor dos primeiros, con sofisticadas ferramentas de análise, mentres que para cuantificar a exposición ambiental os medios técnicos cambiaron moi pouco dende os anos 70 (medicións ambientais no lugar de traballo, medicións no auga e aire da comunidade, determinacións en alimentos…)

Pero, ¿que é exactamente o ambiente? Tradicionalmente este termo foi asociado á exposición a contaminantes ambientais externos, ben no traballo (hidrocarburos aromáticos policíclicos no lugar de traballo por exemplo) ou ben no ambiente da comunidade (pesticidas como contaminantes ambientais). Este concepto foi absolutamente reducionista deixando fóra outros factores externos e internos. Entre os primeiros esquecémonos o estrés, a localización xeográfica onde reside o paciente, os hábitos do individuo (inxestión de fármacos, tabaco, alcohol e outras drogas), a súa actividade física e, sobre todo, a dieta. Pero é que, ademais, no termo ambiente se facía pouco énfase nas causas internas (especialmente as infeccións e inflamacións previas a que estivera exposto o individuo, e sobre todo, a flora intestinal propia, xeradora de trimetilamina, a cal constitúe un factor de risco fundamental na xeración de arteriosclerose).

Ata agora cos métodos tradicionais analizábase cada un dos factores etiolóxicos do “ambiente” de forma individual (por exemplo, a determinación da exposición ambiental no traballo). Este marco de traballo era froito do paradigma imperante dose-resposta, que pretendía avaliar que unha determinada dose dun tóxico ía producir unha determinada resposta. É por iso que un dos desafíos da ciencia é tratar o “ambiente” como unha entidade única, cunha linguaxe común para todos os profesionais procedentes de diversos ámbitos (medicina do traballo, epidemiólogos, investigadores, etc). Esta linguaxe común pode ser atopada grazas ao concepto de exposome. En palabras de C. Wild, exposome constitúe a totalidade das exposicións (internas e externas) que sofre unha persoa dende o mesmo momento da concepción, durante toda a súa vida. Exposome (todo o non xenético) é un novo concepto unificador de todas as exposicións, que se contrapón ao xenoma (só o xenético).

Continúa no próximo número…

Pero se exposome inclúe todas as exposicións internas e externas ¿existe algunha técnica de laboratorio que permita esta análise en conxunto?

As novas tecnoloxías ómicas (transcriptómica, aductómica, metabolómica) permítennos encontrar novos biomarcadores de dose efectiva que valoran a “exposición ambiental total”, constituíndo o que algúns investigadores denominan o “santo graal da exposición”. Estas técnicas son capaces de detectar un perfil proteico (pegada ou sinatura química concreta) que implica unha futura evolución á enfermidade/cancro nese paciente, pero coa particularidade de que se retiramos o axente etiolóxico tóxico, esa “pegada ou sinatura” proteica volve á normalidade.

Vexamos o exemplo da exposición a benceno no medio laboral: na actualidade analizamos a exposición con determinacións ambientais no lugar de traballo (avaliación externa) e con análise de biomarcadores de exposición interna (ácido t, t-mucónico e ácido S-fenilmercaptúrico en ouriños), o resultado da cal tan só nos indica se o paciente está ou non exposto, non sendo útil para o diagnóstico da enfermidade. Usando as novas tecnoloxías, en concreto a transcriptómica, identificáronse recentemente dúas sinaturas proteicas de exposición a benceno; isto indica con absoluta certeza que os traballadores con ese perfil van desenvolver os efectos tóxicos do benceno a menos que se elimine o factor etiolóxico de risco (niveis elevados de benceno en aire ambiente laboral, exposición a tabaco, etc). A súa importancia radica en que detecta a posible enfermidade de forma precoz, cando existe capacidade de revertela. Todo isto fai que o concepto de exposome vaia cambiar nos próximos anos a práctica da medicina en xeral e de forma concreta a da hixiene industrial, pasando dunha medicina preventiva e poboacional a unha medicina preditiva e individualizada.

 


Angél Tomás Camacho García

- Médico especialista en Análises Clínicas, PhD

- Director Médico do Laboratorio Lema-Bandín

- Fellow of the American College of Medical Toxicology

- Coordinador nacional da Área de Toxicoloxía Clínica en Aetox

 

Contacto:

atcamacho@lemabandin.com

www.lemabandin.com

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>