NOVA EXPOSICIÓN EN PREVISEL

A mañá do martes, 10 de febreiro, inaugurábase o 10º Salón de Seguridade e Prevención de Riscos Laborais, PREVISEL.

Como todos os anos, o gabinete de prevención da Asociación de Empresarios expoñía os proxectos realizados en materia preventiva.

Previsel é un escaparate especializado, onde se presentan produtos e servizos relacionados coa seguridade e saúde laboral. En Expourense, danse cita os expertos do sector co obxectivo de xuntar os seus coñecementos e esforzos en materia de prevención. Unha grande oportunidade para os profesionais do sector pero tamén para empresarios, traballadores, futuros traballadores… co fin de intercambiar experiencias e actualizarse en torno aos últimos avances.

 

INAUGURACIÓN PLATAFORMA DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas deu hoxe un novo paso como referente ourensano da prevención de riscos laborais, coa posta en servizo da primeira plataforma de simulacros de extinción de incendios existente na provincia. Esta infraestructura é ademais pionera en estar adaptada específicamente para prácticas de sinistros en empresas e en recintos industriais.

A plataforma de simulacros é froito da colaboración entre a Asociación de Empresarios, a Deputación e o Concello de San Cibrao das Viñas. Esta última entidade asumiu a cesión dos terreos municipais que albergan a infraestructura, na estrada da Carballeira, e costeou as obras de adaptación e adecuación das parcelas.

O acto inaugural contou coa participación do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, e do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández Moreiras.

Na súa intervención, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, destacou que a plataforma de simulacros, única en Galicia, dota ao maior asentamiento empresarial de Ourense da primeira infraestructura “adaptada para a realización de prácticas de extinción de incendios nas industrias e en centros de traballo de características especiais, polo tipo de materiais e de produtos que fabrican ou almacenan”.

Engadiu que os terreos de cesión municipal contan dende hoxe con “un excelente banco de probas para actualizar coñecementos, para impulsar a formación e para ensaiar as mellores técnicas de prevención e extinción de incendios”.