ATMOSFERAS EXPLOSIVAS (RISCO DE ATEX)

A falta de recursos con respecto ás grandes organizacións e a escasa difusión da cultura preventiva son algunhas das razóns que dificultan que nas pemes, maioritarias dentro do tecido industrial, exista un verdadeiro cumprimento das obrigas empresariais, sobre todo cando falamos de normativas tan específicas como a referida a atmosferas explosivas (ATEX).

 

As explosións se ben son pouco frecuentes cando se dan as súas consecuencias adoitan ser catastróficas, de aí que debamos analizalas, para así evitalas. Estas son un risco máis da actividade industrial.

 

 Qué é unha ATEX?

Unha ATEX é o nome abreviado de atmosfera explosiva. Pero exactamente é:

“unha mestura de GAS, VAPOR, NÉBOA ou PO co aire e que en caso de inflamarse faino en todo o seu volume nun breve período de tempo”.

a quen afectan estas ATEX?

Na actividade industrial afecta a máis empresarios dos que o esperan, en definitiva a todos os usuarios de gases, líquidos e sólidos inflamables, así como os que os xeran e que forman parte da súa actividade profesional.

 

que debemos facer?

 

O primeiro paso para evitar un accidente é recoñecer o risco, na maioría de situacións, recoñecido o risco este minimízase ou mesmo desaparece.

 

Exemplos:

  • Nunha carpintaría de madeira ou aluminio se recoñecemos que o po xerado por unha lixadora é inflamable e o retiramos de onde se produce imos reducir o risco e telo localizado onde vaia parar, por exemplo no filtro de mangas, o mesmo na serradora, en definitiva en todos aqueles puntos onde se xera “po”. Polo tanto unha práctica habitual dunha actividade deste tipo debe ser a limpeza e a localización destas ATEX.
  • Nunha pastelaría ou panificadora se ben neste tipo de empresa a limpeza é xa habitual, debemos saber que a fariña ou moitos dos compoñentes que se utilizan son inflamables e mesmo algúns máis que a fariña, como o azucre e o amidón.
  • Nunha cooperativa agrícola que fabrica os seus pensos debemos recoñecer que os pos xerados son inflamables (os pos de cereais en especial o millo) e que a limpeza é fundamental así como a eliminación de puntos de escape.
  • Nunha imprenta o emprego de tintas baseadas en disolventes inflamables pode xerar ATEX onde se empregan ou mesturan e onde se almacenan.
  • Nun garaxe os potenciais derramos de hidrocarburos e as emisións de CO tamén poden xerar ATEX. Neste caso a lexislación á que se refire esta publicación “só afecta aos establecementos profesionais, é dicir aos que son actividade económica”, noutras palabras os aparcamentos particulares están fóra desta.
  • Empresas envasadoras con almacéns que manipulen granel e manexen en pequenos recipientes, sacos ou bidóns os puntos de risco son as envasadoras e os silos.
  • Talleres téxtiles que xeran fibras combustibles en suficiente cantidade como para xeral ATEX.

 

Na maioría de pequenas industrias, a limpeza xuntamente coa formación e algunha adecuación farán minimizar o risco de explosión e incendio. Sen esquecer os permisos de traballo, moi en particular os de corte e soldadura.

 

Como substancias inflamables é imposible facer unha lista e que esta contemple TODAS AS substancias, non obstante, o que é recomendable é facerse e responder as seguintes preguntas:

“¿as substancias que emprego son combustibles? ¿Cando e en que condicións?” Cando estas condicións se dan na nosa activade, entón, debemos tomar medidas e así evitar o accidente.

É remarcable que hai substancias cuxo risco é o de explosión e non de incendio, por exemplo a fariña, o xofre, e máis.

 

Das estadísticas dedúcese que a cultura de seguridade é maior nas grandes empresas, véxase a baixa sinestralidade en sectores con produtos tradicionalmente considerados moi perigosos, pero que tratados con seguridade resulta todo o contrario.

 

Isto parece indicar que en canto a explosións de po cabe esperalas nas carpintarías de madeira, e industria do procesado de metais, así como alimentarias. Sectores estes tradicionalmente de PEMES.

 

En conclusión estarán afectados pola lexislación todos aqueles establecementos industriais e /ou profesionais que como parte da súa actividade xeren ou poidan xerar, que utilicen ou produzan produtos susceptibles de formar ATEX.

 

MARCO LEGAL

Da lexislación europea xorden dúas directivas son unhas directivas de mínimos e que obrigan os estados membros a traspoñer á súa lexislación:

  • Da 94/9/EC trasponse o R.D. 400/1996, o cal establece os requisitos esenciais de seguridade que deben cumprir os equipos e aparatos eléctricos e non eléctricos que se instalen en lugares onde se poden formar atmosferas explosivas, así como os procedementos para a certificación e marcado de tales equipos.

 

  • Da 92/99/EC trasponse o R.D. 681/2003, este constitúe a base legal para garantir a protección da seguridade e saúde dos traballadores expostos a atmosferas explosivas. Como característica principal inclúese con carácter obrigatorio a elaboración dun documento de protección contra explosións, que debe incluír a clasificación das áreas de risco en zonas e a realización da avaliación do risco específico de explosión.

 GLOSARIO

 

Gas inflamable: é unha substancia que en condicións normais se presenta en estado gasoso, os máis habituais son os gases propano e butano, que se utilizan para queimar e obter calor da súa combustión. Este tipo de utilización esta regulada e revisada polas compañías de distribución de gas e o seu risco é coñecido por todos os usuarios.

Vapor inflamable: Un vapor inflamable é aquel que é capaz de xerarse a partir dun líquido inflamable, en condicións ambientais, coa suficiente concentración para xerar unha ATEX. A temperatura que limita se un líquido é inflamable é 55º C (esta é a temperatura de fulgor ou “flash point”).

Aquí aparecen dous conceptos importantes que entender, a temperatura de fulgor ou “flash point” e a temperatura de inflamación. Ambas as dúas danse en º C.

Temperatura de fulgor ou “flash point”: é a temperatura á que un líquido xera suficientes vapores para xerar unha atmosfera inflamable.

Temperatura de inflamación: é a temperatura á cal unha mestura de vapor e aire se inflama.

Así pois a temperatura de fulgor identifícanos os líquidos que poden xerar ATEX e a temperatura de inflamación dinos cando se inflamasen.

Néboa: É aquela dispersión de pequenas gotas que ten a capacidade de manterse en suspensión, aínda que é unha situación estraña debémola contemplar no caso de nebulizar algún líquido inflamable, por exemplo nas limpezas con disolventes por chorro.

Po: É bastante máis habitual e descoñecida, o primeiro é definir que é un po combustible, é a fracción dun sólido que é capaz, polo seu tamaño menor a 500 µ ( 0,5 mm), de poñerse en suspensión. A diferenza do resto de “estados de ATEX” este vén e vai”, é dicir, pódese xerar e desaparecer para volver aparecer, noutras palabras pode xerarse unha nube que se sedimenta nunha capa, que por efecto dun golpe de aire se volve formar.

 

Se miramos as estatísticas de explosións de po por sectores, as explosións acontecen dende o sector madeireiro ata o sector químico.

Sector %
Madeira 33
Metal 17
Alimentación 14
Papel 12
Plásticos e caucho 11
Téxtil 7
Carbón 4
Químico 2

Fonte: Combustible dust Policy Institute

OHSAS 18001:2007. Sistemas de gestión da seguridad y salud en el trabajo

 

 

 

 

Ref. LB-256

Autor: Grupo de Proxecto OHSAS – AENOR

Edición: 2007 : Páxinas: 30

 

O estándar OHSAS 18001:2007 establece os requisitos que debe cumprir un sistema xestión de seguridade e saúde no traballo para que as organizacións poidan controlar eficazmente os riscos asociados coas súas actividades, mellorando o seu desempeño de forma continua.

 

Os cambios incluídos nesta edición:

 

- Maior importancia ao termo “saúde” equiparándoo co de “seguridade”

- Novas definicións tan relevantes como “incidentes”, “riscos, “avaliación de riscos”, así como unha

profunda revisión da terminoloxía xa existente.

- Novos requisitos relativos á participación e consultoría, así como á investigación de incidentes.

- Inclusión da cláusula “Avaliación de cumprimento” aliñada coa Norma ISO 14001.

- Maior compatibilidade coas normas UNE-EN ISO 14001:2004 e UNE-EN ISO 9001:2000

 

Non é fácil afrontar as numerosas situacións tan complicadas que ultimamente se presentan como consecuencia da xa tan soada crise. Acontecementos que se unen aos labores cotiáns, complicando todo un pouco máis, se é posible, e facendo a subida máis empinada.

Tal vez por isto debamos esforzarnos máis na prevención, porque o que podamos arranxar hoxe cun simple xesto supón baixar costes e tempo nun futuro non moi afastado.  É importante reiterar a relevancia da formación como un dos principais métodos preventivos, pero nesta edición gustaríanos lembrar a maiores, un tema moi presente e pouco tratado como son os riscos emerxentes. Cada vez dáse máis este fenómeno, acentuándose en tempos difíciles como os actuais, e deixando unha pegada moitas veces irreparable por non detectala a tempo ou simplemente por non saber ben como abarcar a situación.

É por todo iso que dende a asociación, esforzámonos máis que nunca para facilitar o máximo posible o día a día de cada un dos membros, achegando novas iniciativas sen esquecer as xa presentes.

Exposome, unha poderosa ferramenta para avaliar a exposición ambiental (I)

¿Cales son os factores polos que os humanos evolucionamos da saúde á enfermidade? Esta gran pregunta ten unha clara resposta: dende as exposicións tóxicas ambientais ata a vulnerabilidade xenética, pasando polo noso comportamento e estilo de vida, todo iso contribúe ao desenvolvemento da enfermidade.

Décadas de investigación evidencian que aínda que na orixe do cancro e da maioría das enfermidades crónicas existen tanto causas xenéticas como ambientais son, sen dúbida, estas últimas as máis importantes (80-90%). Non obstante, a pesar da súa enorme importancia, o “ambiente” segue sendo moi pouco coñecido.

No ano 2005 o Dr. Christopher P. Wild, director da axencia internacional para investigación do cancro, contrastou o esforzo e os custos que se dedicaron aos estudios xenéticos en contraposición aos ambientais.

A balanza estaba claramente a favor dos primeiros, con sofisticadas ferramentas de análise, mentres que para cuantificar a exposición ambiental os medios técnicos cambiaron moi pouco dende os anos 70 (medicións ambientais no lugar de traballo, medicións no auga e aire da comunidade, determinacións en alimentos…)

Pero, ¿que é exactamente o ambiente? Tradicionalmente este termo foi asociado á exposición a contaminantes ambientais externos, ben no traballo (hidrocarburos aromáticos policíclicos no lugar de traballo por exemplo) ou ben no ambiente da comunidade (pesticidas como contaminantes ambientais). Este concepto foi absolutamente reducionista deixando fóra outros factores externos e internos. Entre os primeiros esquecémonos o estrés, a localización xeográfica onde reside o paciente, os hábitos do individuo (inxestión de fármacos, tabaco, alcohol e outras drogas), a súa actividade física e, sobre todo, a dieta. Pero é que, ademais, no termo ambiente se facía pouco énfase nas causas internas (especialmente as infeccións e inflamacións previas a que estivera exposto o individuo, e sobre todo, a flora intestinal propia, xeradora de trimetilamina, a cal constitúe un factor de risco fundamental na xeración de arteriosclerose).

Ata agora cos métodos tradicionais analizábase cada un dos factores etiolóxicos do “ambiente” de forma individual (por exemplo, a determinación da exposición ambiental no traballo). Este marco de traballo era froito do paradigma imperante dose-resposta, que pretendía avaliar que unha determinada dose dun tóxico ía producir unha determinada resposta. É por iso que un dos desafíos da ciencia é tratar o “ambiente” como unha entidade única, cunha linguaxe común para todos os profesionais procedentes de diversos ámbitos (medicina do traballo, epidemiólogos, investigadores, etc). Esta linguaxe común pode ser atopada grazas ao concepto de exposome. En palabras de C. Wild, exposome constitúe a totalidade das exposicións (internas e externas) que sofre unha persoa dende o mesmo momento da concepción, durante toda a súa vida. Exposome (todo o non xenético) é un novo concepto unificador de todas as exposicións, que se contrapón ao xenoma (só o xenético).

Continúa no próximo número…

Pero se exposome inclúe todas as exposicións internas e externas ¿existe algunha técnica de laboratorio que permita esta análise en conxunto?

As novas tecnoloxías ómicas (transcriptómica, aductómica, metabolómica) permítennos encontrar novos biomarcadores de dose efectiva que valoran a “exposición ambiental total”, constituíndo o que algúns investigadores denominan o “santo graal da exposición”. Estas técnicas son capaces de detectar un perfil proteico (pegada ou sinatura química concreta) que implica unha futura evolución á enfermidade/cancro nese paciente, pero coa particularidade de que se retiramos o axente etiolóxico tóxico, esa “pegada ou sinatura” proteica volve á normalidade.

Vexamos o exemplo da exposición a benceno no medio laboral: na actualidade analizamos a exposición con determinacións ambientais no lugar de traballo (avaliación externa) e con análise de biomarcadores de exposición interna (ácido t, t-mucónico e ácido S-fenilmercaptúrico en ouriños), o resultado da cal tan só nos indica se o paciente está ou non exposto, non sendo útil para o diagnóstico da enfermidade. Usando as novas tecnoloxías, en concreto a transcriptómica, identificáronse recentemente dúas sinaturas proteicas de exposición a benceno; isto indica con absoluta certeza que os traballadores con ese perfil van desenvolver os efectos tóxicos do benceno a menos que se elimine o factor etiolóxico de risco (niveis elevados de benceno en aire ambiente laboral, exposición a tabaco, etc). A súa importancia radica en que detecta a posible enfermidade de forma precoz, cando existe capacidade de revertela. Todo isto fai que o concepto de exposome vaia cambiar nos próximos anos a práctica da medicina en xeral e de forma concreta a da hixiene industrial, pasando dunha medicina preventiva e poboacional a unha medicina preditiva e individualizada.

 

Angél Tomás Camacho García

- Médico especialista en Análises Clínicas, PhD

- Director Médico do Laboratorio Lema-Bandín

- Fellow of the American College of Medical Toxicology

- Coordinador nacional da Área de Toxicoloxía Clínica en Aetox

 

Contacto:

atcamacho@lemabandin.com

www.lemabandin.com

 

Lembra que…

… A maior parte dos accidentes debidos a CAÍDAS DE PERSOAS, GOLPES, CORTES E CHOQUES CONTRA OBXECTOS, prodúcense por falta de ORDE E LIMPEZA no posto de traballo.

En calquera actividade laboral, para conseguir un grao de seguridade aceptable, é indispensable manter a orde e a limpeza. ¿Cantos golpes e caídas se producen diariamente nunha empresa por unha “parvada”, como un chan escorregadizo, un caixón aberto ou a perenne caixa situada no medio do corredor?

Manter o lugar de traballo limpo e ordenado é un principio básico de seguridade. Para axudar a cumprir este obxectivo, presentamos a continuación unhas normas básicas que se fundamentan en catro principios: eliminar o innecesario e clasificar o útil; acondicionar os espazos de traballo para gardar e localizar o material doadamente; evitar ensuciar para non ter que limpar despois; establecer normas que favorezan a orde e a limpeza.

 

NORMÁS BÁSICAS

  • Recoller as ferramentas de traballo en soportes ou estantes adecuados que faciliten a súa identificación e localización.
  • Delimitar as zonas de traballo, ordenar e marcar a situación das cousas utilizando sinais normalizados e códigos de cores.
  • Non amorear nin almacenar materiais en áreas de paso ou de traballo; hai que retirar os obxectos que obstrúan o acceso destas zonas e sinalizar as vías de circulación mediante bandas brancas ou amarelas pintadas no chan.
  • Realizar a limpeza dos locais, as máquinas, as ventás, etc. Se é posible, fóra das horas de traballo. Extremar a limpeza de ventás e bufardas para que non impidan a entrada de luz natural e escoller superficies de traballo e de tránsito doadamente lavables.