Realización de simulacros nas empresas do polígono San Cibrao

A realización dun simulacro de emerxencias con evacuación do persoal, supón un gran desembolso económico para as empresas, dende a Asociación de Empresarios organizámolos totalmente GRATIS, coa colaboración do Servizo de Primeira Intervención, para todas as nosas empresas asociadas.

Con estas actividades as empresas poderán avaliar o plan de emerxencias  e mellorar a súa capacidade e a dos teus empregados ante calquera emerxencia.

Exposome, unha poderosa ferramenta para avaliar a exposición ambiental (I)

¿Cales son os factores polos que os humanos evolucionamos da saúde á enfermidade? Esta gran pregunta ten unha clara resposta: dende as exposicións tóxicas ambientais ata a vulnerabilidade xenética, pasando polo noso comportamento e estilo de vida, todo iso contribúe ao desenvolvemento da enfermidade.

Décadas de investigación evidencian que aínda que na orixe do cancro e da maioría das enfermidades crónicas existen tanto causas xenéticas como ambientais son, sen dúbida, estas últimas as máis importantes (80-90%). Non obstante, a pesar da súa enorme importancia, o “ambiente” segue sendo moi pouco coñecido.

No ano 2005 o Dr. Christopher P. Wild, director da axencia internacional para investigación do cancro, contrastou o esforzo e os custos que se dedicaron aos estudios xenéticos en contraposición aos ambientais.

A balanza estaba claramente a favor dos primeiros, con sofisticadas ferramentas de análise, mentres que para cuantificar a exposición ambiental os medios técnicos cambiaron moi pouco dende os anos 70 (medicións ambientais no lugar de traballo, medicións no auga e aire da comunidade, determinacións en alimentos…)

Pero, ¿que é exactamente o ambiente? Tradicionalmente este termo foi asociado á exposición a contaminantes ambientais externos, ben no traballo (hidrocarburos aromáticos policíclicos no lugar de traballo por exemplo) ou ben no ambiente da comunidade (pesticidas como contaminantes ambientais). Este concepto foi absolutamente reducionista deixando fóra outros factores externos e internos. Entre os primeiros esquecémonos o estrés, a localización xeográfica onde reside o paciente, os hábitos do individuo (inxestión de fármacos, tabaco, alcohol e outras drogas), a súa actividade física e, sobre todo, a dieta. Pero é que, ademais, no termo ambiente se facía pouco énfase nas causas internas (especialmente as infeccións e inflamacións previas a que estivera exposto o individuo, e sobre todo, a flora intestinal propia, xeradora de trimetilamina, a cal constitúe un factor de risco fundamental na xeración de arteriosclerose).

Ata agora cos métodos tradicionais analizábase cada un dos factores etiolóxicos do “ambiente” de forma individual (por exemplo, a determinación da exposición ambiental no traballo). Este marco de traballo era froito do paradigma imperante dose-resposta, que pretendía avaliar que unha determinada dose dun tóxico ía producir unha determinada resposta. É por iso que un dos desafíos da ciencia é tratar o “ambiente” como unha entidade única, cunha linguaxe común para todos os profesionais procedentes de diversos ámbitos (medicina do traballo, epidemiólogos, investigadores, etc). Esta linguaxe común pode ser atopada grazas ao concepto de exposome. En palabras de C. Wild, exposome constitúe a totalidade das exposicións (internas e externas) que sofre unha persoa dende o mesmo momento da concepción, durante toda a súa vida. Exposome (todo o non xenético) é un novo concepto unificador de todas as exposicións, que se contrapón ao xenoma (só o xenético).

Continúa no próximo número…

Pero se exposome inclúe todas as exposicións internas e externas ¿existe algunha técnica de laboratorio que permita esta análise en conxunto?

As novas tecnoloxías ómicas (transcriptómica, aductómica, metabolómica) permítennos encontrar novos biomarcadores de dose efectiva que valoran a “exposición ambiental total”, constituíndo o que algúns investigadores denominan o “santo graal da exposición”. Estas técnicas son capaces de detectar un perfil proteico (pegada ou sinatura química concreta) que implica unha futura evolución á enfermidade/cancro nese paciente, pero coa particularidade de que se retiramos o axente etiolóxico tóxico, esa “pegada ou sinatura” proteica volve á normalidade.

Vexamos o exemplo da exposición a benceno no medio laboral: na actualidade analizamos a exposición con determinacións ambientais no lugar de traballo (avaliación externa) e con análise de biomarcadores de exposición interna (ácido t, t-mucónico e ácido S-fenilmercaptúrico en ouriños), o resultado da cal tan só nos indica se o paciente está ou non exposto, non sendo útil para o diagnóstico da enfermidade. Usando as novas tecnoloxías, en concreto a transcriptómica, identificáronse recentemente dúas sinaturas proteicas de exposición a benceno; isto indica con absoluta certeza que os traballadores con ese perfil van desenvolver os efectos tóxicos do benceno a menos que se elimine o factor etiolóxico de risco (niveis elevados de benceno en aire ambiente laboral, exposición a tabaco, etc). A súa importancia radica en que detecta a posible enfermidade de forma precoz, cando existe capacidade de revertela. Todo isto fai que o concepto de exposome vaia cambiar nos próximos anos a práctica da medicina en xeral e de forma concreta a da hixiene industrial, pasando dunha medicina preventiva e poboacional a unha medicina preditiva e individualizada.

 


Angél Tomás Camacho García

- Médico especialista en Análises Clínicas, PhD

- Director Médico do Laboratorio Lema-Bandín

- Fellow of the American College of Medical Toxicology

- Coordinador nacional da Área de Toxicoloxía Clínica en Aetox

 

Contacto:

atcamacho@lemabandin.com

www.lemabandin.com

 

Carmen Rodicio Portela – Grupo Coren

Aínda que viguesa de nacemento, Carmen Rodicio Portela establécese dende moi nova en Ourense, cidade onde desenvolveu toda a súa traxectoria vital e profesional. En 1993 comeza a súa andaina no Grupo Coren, onde actualmente desempeña o cargo de xefa de prevención e medio ambiente.

Cal foi a evolución do servizo que dirixe dentro do Grupo Coren?Cando comecei, Coren era un grupo de empresas no que se compaxinaba o tema de prevención co servizo médico. Pouco a pouco foi crecendo, coñecemos os regulamentos da lei, e incorporáronse máis técnicos para aumentar tanto o servizo médico como o de prevención. Actualmente, o Grupo Coren xestiónase por un servizo de prevención mancomunado.

Que obxectivos ten unha empresa das dimensións de Coren en canto á prevención de riscos? Que ferramentas require?O obxectivo principal é a tolerancia cero cos accidentes. Aínda que non é doado cumprilo, si conseguimos baixar as estatísticas de accidentes, e reducir os riscos graves a través de campañas de formación e información. En 2005 conseguimos o índice máis baixo de accidentes laborais ata a data, e este ano foinos entregado o Premio Prever 2007, distinción de ámbito nacional e internacional, que recompensa a aquelas empresas e entidades que destacan pola súa traxectoria e bo facer no campo da Prevención dos Riscos Laborais.

En canto ás ferramentas, dámoslle moita importancia ao factor humano, e o máis efectivo para conseguir resultados é o antes e o despois. Conséguese impactar a través de vídeos, e diversos exemplos de accidentes que aconteceron, nos que se visualiza o risco dun modo práctico. Realizáronse tamén charlas no propio lugar de traballo, e cóntase coa colaboración do equipo do servizo médico.

Que estratexias levou a cabo o grupo Coren para reducir a sinestralidade? Realizáronse plans de prevención, pero en función do punto do que se fale, o Grupo Coren destaca positivamente en coordinación empresarial, e ten algún que outro punto no que se podería mellorar. Durante os primeiros anos, trátase principalmente de minimizar os riscos nas cuestións máis técnicas. Axudámonos con estratexias, audiencias e congresos, e contamos tamén co apoio doutros técnicos e de diferentes mutuas.

A prevención de riscos evolucionou moito nos últimos anos, como vai a situación actual da provincia de Ourense? Que se podería mellorar? Sempre se pode mellorar. A administración segue incidindo moito no accidente para sancionar, e eu véxoo como un erro: é preferible tratar de educar. A administración debería prestar máis apoio, xa que os servizos de prevención propios son un custo para a empresa, e poderían ser subvencionados tendo en conta as posibilidades da peme.

¿Como considera que se pode concienciar a pequena empresa da importancia da prevención? Depende da empresa e dos seus integrantes. Deberíase realizar un mapa co que poder coñecer os riscos xenéricos e particulares que pode ter cada empresa, para saber os puntos principais nos que incidir. Ademais, a administración debería axudar aos diferentes sectores, poñendo os medios necesarios para intentar favorecer o asesoramento das empresas.

Como responsable de prevención dun grupo que ten parte das súas naves no Polígono de San Cibrao, como valora o Servizo de Primeira Intervención posto en marcha pola Asociación de Empresarios? Paréceme unha iniciativa xenial, exemplar e para ser imitada, pero está pouco apoiada e respectada, e debería ter máis medios propios. Os medios de emerxencia non deberían dedicarse a outras actividades, pero poucas persoas entenden que as horas de traballo dun servizo de urxencias ou emerxencias son para estar, basicamente, en alerta. Son xente que está preparada para actuar e cando sucede algo é cando se ve a súa efectividade. É algo parecido ao que acontece co seguro do coche: a xente que opta por non o pagar é porque cre que nunca lle vai pasar nada… ata que pasa, e entón é o momento de valorar ese servizo.

Dende a Asociación de Empresarios leváronse a cabo distintas tarefas en materia de prevención, ¿que outras actividades se poderían realizar? Constituír na Asociación un servizo de prevención alleo e darlle cobertura as pemes que están alí instaladas. É dicir, buscar unha mancomunidade, na que todo o mundo poida falar no mesmo idioma.

A raíz á súa experiencia no sector, que consellos daría, dende o seu cargo, aos empresarios do Polígono? O máis importante é trasladar que a prevención non é un custo. Débese ver como algo que xa non debería nin existir, que estaría tan integrado no concepto empresarial, que ninguén puidese facer nada sen que estivese implicada a prevención. Se conseguísemos que se integrase a prevención no espírito empresarial dende a educación nos nenos, e en moitos outros puntos, remataríase o problema.