Entrevista Pilar Cancela Rodríguez – Directora xeral de Relacións Laborais

Contribuir a mellorar a realidade sociolaboral é o que máis lle gusta do seu traballo á directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, que ocupa este cargo desde setembro de 2005. Aínda que, coma ela mesma afirma, por desgraza, os  resultados da súa labor non son inmediatos. Para esta licenciada en Dereito que de nena quería ser mestra, o peor da cultura preventiva é que a xente a relacione simplemente cun instrumento de marketing empresarial ou algo que unicamente implica custos.

 

Cal considera, dende a súa experiencia, que é a mellor forma e máis efectiva, para inculcar a cultura da prevención?

A prevención de riscos laborais ten que ser unha actuación conxunta de todos os axentes implicados: traballadores e traballadoras, empresariado e a propia administración. Desde fai varios anos vimos traballando desde a Consellería en crear esa cultura preventiva na sociedade, e esto podémolo facer desde distintos ámbitos: en primeiro lugar, e como sinalaba antes, desde os propios axentes implicados, constituíndose en canles de transmisión para os seus asociados e consensuando as políticas a levar a cabo neste eido; por outra banda, parécemos moi importante implantar esa cultura preventiva desde moi pequenos, e así, desde fai dous anos comezamos a traballar en actuacións dirixidas cara aos alumnos de educación primaria e secundaria e os alumnos de formación profesional con tres programas claves: a Escola de Prevención de Riscos Laborais, a campaña “MOITOLLO” e a campaña “CONTRA MURPHY”, con este obxectivo primordial de crear cultura preventiva

 

 

Desde a Consellería percíbese que cambiou esta cultura nos últimos anos? En qué aspectos?

Evidentemente todas estas actuacións non dan os seus froitos inmediatamente, se non que se trata de un traballo continuado; sen embargo, empézase a ver como a prevención de riscos laborais está a ser unha preocupación importante no conxunto da sociedade , e a seguridade e saúde laboral estase a percibir como crucial na procura dun emprego de calidade. Como xa é coñecido, este goberno tivo como un dos seus obxectivo claves a apertura dun proceso de diálogo social continuado, neste proceso que rematou coa sinatura dos acordos baixo a denominación de “Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia. Acordo polo Emprego”, debemos destacar que os dous primeiros acordos que se acadaron foron os relativos á prevención de riscos laborais: a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010.

 

 

De que xeito concreto estase a desenvolver o Plan Estratéxico 2006-2010 desde a Consellería?

Este plan estratéxico contempla oito obxectivos prioritarios e máis de cen programas concretos de actuación que se están a desenvolver en colaboración cos axentes sociais e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, así como coa implicación do resto das consellerías de carácter sectorial implicadas como é a Consellería de Innovación e Industria e a Consellería de Sanidade.

 

 

Que supón para o día a día das PEMES a posta en marcha do Issga e para que poden acudir a el?

O ISSGA créase coa intención de constituírse como o órgano técnico da Administración autonómica que leve a cabo todas as políticas de prevención dun xeito coordinado e consensuado; así na súa Comisión de Goberno, ademais de representantes da administración, forman parte desta a Confederación de Empresarios de Galicia e os tres sindicatos máis representativos en Galicia. As actuacións que desenvolva o ISSGA, deben supor un acercamento da prevención á empresa cunha especial incidencia nas PEMES, como se recolle no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais. As PEMES, deben de percibir o ISSGA como un instrumento facilitador, para o cumprimento das súas obrigas no eido da prevención, e como un órgano da administración ao seu servizo.

 

 

Que é o máis satisfactorio no día a día dun cargo do que dependen estas responsabilidades?

Pois, existen moitas situacións satisfactorias: cando percibimos que a xente lle dá importancia a este tema, cando as empresas son conscientes da necesidade de implantar medidas preventivas, incluso máis alá das obrigas establecidas por lei, e, desde logo cando a estatística da sinistralidade laboral vaise reducindo mes a mes e observamos que os esforzo feitos por todos comezan a dar os seus froitos.

 

 

Desde o seu punto de vista ¿qué obstáculos atopan as empresas e a sociedade á hora de implantar sistemas de Prevención de Riscos Laborais efectivos?

Penso que cada vez existen menos obstáculos á implantación de sistema de prevención efectivos, debemos ter en conta que para estes sistemas sexan efectivos debe darse a total implicación dos empresarios e dos traballadores, cada un no seu ámbito de responsabilidade, e creo sinceramente, que cada día esta implicación está a darse con máis forza o que facilita a implantación e desenvolvemento de sistemas de prevención eficaces.

 

 

 

Como vai o futuro da Prevención de Riscos en xeral, e en particular en Galicia?

A Prevención de Riscos Laborais de converterse nunha ferramenta fundamental de cara aos traballadores; nestes momentos que estamos a pasar por unha situación económica complexa, pensamos desde a Consellería de Traballo que a prevención de riscos laborais debe ser un dos eixes que deben potenciarse para crear, como xa dicía con anterioridade un emprego de calidade. Desde a Administración autonómica estamos a traballar xunto cos axentes sociais neste camiño, e estou segura de que esta colaboración está a redundar en beneficio dos traballadores e traballadoras de Galicia.

 

 

Aproveitando esta entrevista, qué mensaxe lle enviaría aos empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas?

Ben creo que ao longo da entrevista queda ben claro a importancia da prevención e das actuacións neste campo, así como a importancia que os empresarios teñen en todo este proceso, polo tanto, gustaríame transmitir que a Consellería de Traballo está a desenvolver todas estas actuacións cunha única finalidade que é a de eliminar os riscos do traballo. Estamos seguros que isto redundará en beneficio dos traballadores e traballadoras, pero tamén das empresas, por iso gustaríame a total dispoñibilidade, da Consellería de Traballo as necesidades dos empresarios e empresarias.

 

En todo caso, este Polígono Industrial vén facendo moi ben os deberes nesta materia nos últimos anos, polo tanto, diríalles que sigan nese mesmo camiño.

 

ACTUACIÓN DO SERVICIO DE PRIMEIRA INTERVENCIÓN DO POLÍGONO SAN CIBRAO NO ANO 2011

O principal obxectivo deste Grupo Operativo de Primeira Intervención, integrado no Polígono San Cibrao, desde hai xa sete anos, é proporcionar un mellor e máis rápido servizo ás empresas do polígono e arredores no referente á extinción de incendios ou calquera outra emerxencia.

Débese ter en conta  que a intervención rápida en calquera tipo de situación urxente pode evitar que se produzan danos maiores, tanto materiais como humanos.

Ao longo dos últimos cinco anos o Servizo de Primeira Intervención no Polígono   aumentou tanto o seu equipo material como humano, o que lle permitiu asistir a máis intervencións e levar a cabo máis actuacións. Ao mesmo tempo aumentou tamén a confianza dos empresarios e veciños que non dubidan en facer uso deste servizo, sobre todo á hora de facer fronte a unha emerxencia ou incidencia.

Nos últimos anos aumentou notablemente o número de intervencións, pasando a facer no último ano un total de 98 saídas  destacando, por encima de todo, as emerxencias referidas a incendios como as que maior incremento presentan.

Das 98 saídas realizadas no presente exercicio, as máis destacadas son os incendios como falabamos con anterioridade, seguidos polos actos de prevención en diferentes empresas,  e os accidentes de tráfico.

Deste xeito, podemos afirmar que o Servizo de Primeira Intervención xa se fixo imprescindible, aumentando ano a ano o seu uso por parte das empresas e o entorno do Polígono San Cibrao, chegándose a converter nun dos servizos máis valorados polos asociados e a industria en xeral.

 

CONSELLOS PRÁCTICOS RELACIONADOS COA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS.

Na maior parte das empresas, as operacións de carga e transporte manual de materiais é un traballo frecuente que dá lugar a lesións dolorosas e custosas. A continuación expoñemos unhas recomendacións xerais:

  1. Utilizar axuda mecánica mellor que manual, sempre que sexa posible para manipular as cargas.
  2. Nas tarefas moi repetidas débese diminuír o peso manexado ou senón diminuír a frecuencia e establecer pausas.
  3. Evitar manexar cargas cos brazos moi separados do corpo, o tronco xirado ou moi flexionado.
  4. Non manipular cargas de forma repetida cos brazos por enriba dos ombreiros.
  5. Non manexar pesos elevados en posición sentada.
  6. Utilizar a vestimenta, o calzado e os equipos axeitados.

Recomendacións manexo de cargas pesadas:

  1. O peso máximo recomendado en traballos habituais de manipulación de cargas é 25 kg.
  2. Observar a forma e tamaño, posible peso, puntos de agarre, antes de empezar a cargar.
  3. Pedir axuda a outros se o peso da carga é excesivo.
  4. Situar a carga preto do corpo en todo momento.
  5. Se ten que levantar unha caixa ou bidón, manteña un pé separado cara a atrás, para poder retiralo se a carga bascula.
  6. Antes de levantar a carga, debe manter as costas rectas.
  7. Ao levantar, primeiro estenda as pernas e logo endereite o resto do corpo.
  8. Cargue simetricamente.
  9. Non xire o tronco nin adopte posturas forzadas mentres carga.
  10. Suxeite firmemente a carga.
  11. Procure non efectuar xiros ao levantar a carga.
  12. Faga rodar ou deslice a carga se é posible.
  13. Se utiliza cargas con arestas, utilice luvas.