Adela Quinzá-Torroja García – Directora do ISSGA

Como directora do ISSGA, ¿en que punto cre que están as empresas con respecto a Riscos Laborais? ¿Pensa que se cumpren as medidas establecidas?

A misión do ISSGA é promover mediante as súas actuacións a redución dos  accidentes e das enfermidades que teñan a súa causa ou estean relacionados co traballo, polo tanto, como directora deste organismo, non debo nunca ser triunfalista, porque son consciente do moito que queda por facer respecto a unha eficaz integración da prevención no día a día nos centros de traballo.

É unha realidade e, así debo recoñecelo, que son moitas as empresas que cumpren as súas obrigas preventivas e que a preocupación e a sensibilidade neste eido ten unha tendencia crecente e sen retorno.

Nos programas que se desenvolven polo ISSGA pode observarse a evolución favorable de moitas empresas, non só nos seus índices de sinistralidade, senón tamén no cumprimento das obrigas preventivas.

Nesta tendencia positiva son fundamentais a representación de empresarios e dos traballadores, e o necesario  asesoramento e o control da administración pública. Aínda que pareza unha frase xa moi manida, é absolutamente certo que a seguridade e a saúde no traballo é cousa de todos e precisa dunha actuación conxunta e permanente.

¿Que actitude teñen as empresas ante o ISSGA? ¿Acoden ao Instituto para solucionar problemas relacionados coa seguridade?

O primeiro que hai que lembrar é que as empresas galegas, a través da Confederación de Empresarios de Galicia, teñen presenza no ISSGA, en concreto na súa Comisión de Goberno, á que corresponde aprobar o plan xeral anual de actuacións do Instituto.

Non son poucas as empresas ou as entidades coas que teñen concertado algúns aspectos da xestión da prevención que acoden ao ISSGA a asesorarse tecnicamente, pero, sobre todo, son os técnicos do organismo os que visitan os centros de traballo das empresas de Galicia no desenvolvemento dos programas de asesoramento técnico e de control. Ademais son moitos os empresarios e os técnicos das empresas ou entidades de prevención que asisten ás xornadas técnicas e ás actividades formativas impartidas nos centros provinciais do ISSGA.

Por outra banda chegamos ás empresas con campañas informativas, que principalmente diriximos a sectores ou a actividades de risco que buscan asesoramento, por exemplo, sobre modificacións normativas que sexan de interese, propostas de medidas correctoras, etc.

Unha vez rematado o Plan Estratéxico de Riscos Laborais en Galicia 2006-2010, ¿Cal foi o balance do mesmo?

Moi positivo. Tanto os medios humanos e materias que a administración galega dedica a accións de información, formación, asesoramento técnico, supervisión e control son máis e están mellor dotados e, sobre todo, porque no ano 2009 e 2010, fomos capaces de dar cumprimento ao 96% das actuacións técnicas previstas na estratexia, que na súa meirande parte correspondían ao ISSGA.

Ademais, os informes de execución desa estratexia e da xestión do ISSGA foron a base para a diagnose e a formulación dos obxectivos que se contemplan na vixente Estratexia de PRL Galicia 2011-2014, que é un dos acordos no marco do Dialogo social do Goberno galego

¿Que é o que mais a satisface no día a día ocupando un cargo de tanta responsabilidade?

A confianza que en min depositou a conselleira de Traballo e Benestar e o seu impulso continuado no proxecto ISSGA, e tamén dos axentes sociais presentes no ISSGA, a CEG e os tres sindicatos mas representativos a nivel autonómico, e por descontado o equipo humano do organismo.

Como gran acordo social neste ámbito, sen dúbida, a nova Estratexia galega de prevención de riscos laborais que se inicia este ano e vai ata o 2014, e que se executará principalmente a través dos plans anuais do ISSGA.

¿Pensa que, a día de hoxe, a xente esta concienciada da seguridade no seu posto de traballo? ¿Existe unha cultura preventiva entre as empresas e traballadores?

Ese é o gran reto, de feito, todas as últimas reformas normativas adóptanse porque está probado que existe unha gran porcentaxe de cumprimento formal, sobre o papel, pero unha escasa integración e pouca cultura preventiva en todos os implicados no mundo do traballo.

Pero cada vez é maior, e entre todos debemos introducir e consolidar o valor da prevención no traballo.

¿Que opina sobre as actividades que a Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao leva a cabo para concienciar as empresas en temas de seguridade no traballo? ¿Considera a actividade desta entidade un camiño firme para acadar unha cultura preventiva no entorno industrial mais importante de Ourense?

Sen dúbida algunha o feito polas asociacións empresarias neste ámbito é fundamental. Como dicía ao principio desta entrevista, na tendencia positiva de redución da sinistralidade e de adopción de medidas preventivas nos centros de traballo, son protagonistas principais as asociacións de empresarios, que asumen como propio o pulo e o constante recordo aos seus asociados da obriga legal e social de xestionar      a prevención de riscos laborais.

Aproveitando o seu tempo con nos, ¿Qué mensaxe lle enviaría os empresarios deste Polígono?

Que nun Polígono da importancia de San Cibrao a seguridade ten que ser unha constante. Que, sen dúbida, a non prevención e máis custosa, e que aínda en tempos de crise a prevención fronte aos riscos laborais é rendible. E, por suposto, a disposición do ISSGA para traballar a prol de toda mellora no eido da seguridade e saúde laboral.