¿Qué é o Servizo de Primeira Intervención?

No Polígono de San Cibrao o número, o tamaño medio  e os produtos que se tratan nalgunhas das empresas( madeira, produtos químicos, fertilizantes con alto potencial de combustión…), así como a proliferación de naves con escasa separación, constitúen un punto de alto risco de incendios e outros sinistros que poden xerar prexuízos ambientais.

Proba disto son os numerosos casos de incendio, que afectaron a empresas como Adolfo Domínguez (coa total destrución da nave), Coren, Aspol, Sonorde, Vidrio, Lumiplast, Cindegal, Orember, Hotel Auriense e un longo etcétera.

En todas as ocasións, a extinción do incendio tivo que ser levada a cabo polos propios traballadores, xa que os equipos de bombeiros chegaron cunha considerable demora, incompatible coa seguridade e protección das naves industriais desta zona.

A falta de equipamentos para facer fronte a un incendio provocou, unha sensación de inseguridade palpable entre as empresas situadas nesta zona industrial, ademais  dun encarecemento das primas de seguros, que afecta considerablemente as contas de resultados de numerosas entidades empresariais.

Por este motivo a Asociación investiu moitos esforzos para crear un servizo que posibilitase a rápida actuación e reducir os riscos que se declaran na zona.

Dende o ano 2002, a Asociación leva realizando actividades que van dende a formación, a revisión e a análise de plans de emerxencia ata a creación dun SERVIZO DE PRIMEIRA INTERVENCIÓN; todo para fomentar a prevención de riscos laborais e garantir a seguridade nas empresas e aos  traballadores.

¿Qué é o mapa de riscos?

O Gabinete de Prevención de Riscos Laborais analizou unha por unha todas as empresas do polígono para elaborar un mapa de riscos onde se valora o nivel de perigo que un accidente poida ocasionar, así como para tratar de buscar as solucións máis satisfactorias, procurando ante todo a prevención e se é o caso, unha rápida intervención.

A este mapa de riscos dáselle forma mediante unha aplicación informática que permite visualizar as distintas rúas e empresas do polígono, así como un rápido acceso á documentación relativa aos potenciais perigos en cada instalación industrial.

A través desta aplicación, identifícanse as empresas segundo os seus posibles riscos, diferenciando as que teñen risco de explosión polo tipo de materiais que manexan, as que se poden incendiar con facilidade e as que poden producir fugas de gases tóxicos ou outros vertidos incontrolados de produtos perigosos. Tamén contén un esquema operacional xeral ante calquera emerxencia, fichas de intervención para os equipos de emerxencia (inclúe modos de actuación para persoal xeral, emerxencia, evacuación e primeiros auxilios) e un esquema operacional de actuación con diagrama de retorno á actividade, accesos, instalacións e medios de extinción.

Ademais de todo isto, tamén se presenta un plano de localización onde se visualizan as naves e as bocas de rega máis próximas a cada instalación, así como o efecto dominó sobre as que estean máis preto.

Benvidos blogueros!

Moitas grazas por entrar no noso blog de prevención de riscos laborais.

Damos un paso máis no noso camiño pola cultura preventiva, abrimos novos campos de traballo e dámonos a coñecer a través das novas tecnoloxías, pero sempre cun único obxectivo:“A LOITA CONSTANTE POR MELLORAR AS CONDICIÓNS DE TRABALLO E ESTENDER AO MUNDO DA EMPRESA, A CULTURA DA PREVENCIÓN”.

Por iso, non debemos deternos nunca, e camiñar xuntos, empresarios e traballadores, para lograr o noso obxectivo, sendo capaces de conservar a esencia empresarial que cada día nos estimula.

Sen máis, darvos a benvida a este espazo interactivo, que servirá de conexión profesional e ferramenta de traballo en materia de prevención de riscos laborais.

 

 

 

José Manuel González Tizón.

Responsable Comisión de Prevención de Riscos Laborais.

Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao.