INAUGURACIÓN PLATAFORMA DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas deu hoxe un novo paso como referente ourensano da prevención de riscos laborais, coa posta en servizo da primeira plataforma de simulacros de extinción de incendios existente na provincia. Esta infraestructura é ademais pionera en estar adaptada específicamente para prácticas de sinistros en empresas e en recintos industriais.

A plataforma de simulacros é froito da colaboración entre a Asociación de Empresarios, a Deputación e o Concello de San Cibrao das Viñas. Esta última entidade asumiu a cesión dos terreos municipais que albergan a infraestructura, na estrada da Carballeira, e costeou as obras de adaptación e adecuación das parcelas.

O acto inaugural contou coa participación do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, e do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández Moreiras.

Na súa intervención, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, destacou que a plataforma de simulacros, única en Galicia, dota ao maior asentamiento empresarial de Ourense da primeira infraestructura “adaptada para a realización de prácticas de extinción de incendios nas industrias e en centros de traballo de características especiais, polo tipo de materiais e de produtos que fabrican ou almacenan”.

Engadiu que os terreos de cesión municipal contan dende hoxe con “un excelente banco de probas para actualizar coñecementos, para impulsar a formación e para ensaiar as mellores técnicas de prevención e extinción de incendios”.

 

Realización de simulacros nas empresas do polígono San Cibrao

A realización dun simulacro de emerxencias con evacuación do persoal, supón un gran desembolso económico para as empresas, dende a Asociación de Empresarios organizámolos totalmente GRATIS, coa colaboración do Servizo de Primeira Intervención, para todas as nosas empresas asociadas.

Con estas actividades as empresas poderán avaliar o plan de emerxencias  e mellorar a súa capacidade e a dos teus empregados ante calquera emerxencia.

ACTUACIÓN DO SERVICIO DE PRIMEIRA INTERVENCIÓN DO POLÍGONO SAN CIBRAO NO ANO 2011

O principal obxectivo deste Grupo Operativo de Primeira Intervención, integrado no Polígono San Cibrao, desde hai xa sete anos, é proporcionar un mellor e máis rápido servizo ás empresas do polígono e arredores no referente á extinción de incendios ou calquera outra emerxencia.

Débese ter en conta  que a intervención rápida en calquera tipo de situación urxente pode evitar que se produzan danos maiores, tanto materiais como humanos.

Ao longo dos últimos cinco anos o Servizo de Primeira Intervención no Polígono   aumentou tanto o seu equipo material como humano, o que lle permitiu asistir a máis intervencións e levar a cabo máis actuacións. Ao mesmo tempo aumentou tamén a confianza dos empresarios e veciños que non dubidan en facer uso deste servizo, sobre todo á hora de facer fronte a unha emerxencia ou incidencia.

Nos últimos anos aumentou notablemente o número de intervencións, pasando a facer no último ano un total de 98 saídas  destacando, por encima de todo, as emerxencias referidas a incendios como as que maior incremento presentan.

Das 98 saídas realizadas no presente exercicio, as máis destacadas son os incendios como falabamos con anterioridade, seguidos polos actos de prevención en diferentes empresas,  e os accidentes de tráfico.

Deste xeito, podemos afirmar que o Servizo de Primeira Intervención xa se fixo imprescindible, aumentando ano a ano o seu uso por parte das empresas e o entorno do Polígono San Cibrao, chegándose a converter nun dos servizos máis valorados polos asociados e a industria en xeral.

 

¿Qué é o Servizo de Primeira Intervención?

No Polígono de San Cibrao o número, o tamaño medio  e os produtos que se tratan nalgunhas das empresas( madeira, produtos químicos, fertilizantes con alto potencial de combustión…), así como a proliferación de naves con escasa separación, constitúen un punto de alto risco de incendios e outros sinistros que poden xerar prexuízos ambientais.

Proba disto son os numerosos casos de incendio, que afectaron a empresas como Adolfo Domínguez (coa total destrución da nave), Coren, Aspol, Sonorde, Vidrio, Lumiplast, Cindegal, Orember, Hotel Auriense e un longo etcétera.

En todas as ocasións, a extinción do incendio tivo que ser levada a cabo polos propios traballadores, xa que os equipos de bombeiros chegaron cunha considerable demora, incompatible coa seguridade e protección das naves industriais desta zona.

A falta de equipamentos para facer fronte a un incendio provocou, unha sensación de inseguridade palpable entre as empresas situadas nesta zona industrial, ademais  dun encarecemento das primas de seguros, que afecta considerablemente as contas de resultados de numerosas entidades empresariais.

Por este motivo a Asociación investiu moitos esforzos para crear un servizo que posibilitase a rápida actuación e reducir os riscos que se declaran na zona.

Dende o ano 2002, a Asociación leva realizando actividades que van dende a formación, a revisión e a análise de plans de emerxencia ata a creación dun SERVIZO DE PRIMEIRA INTERVENCIÓN; todo para fomentar a prevención de riscos laborais e garantir a seguridade nas empresas e aos  traballadores.