Nova aplicación para dispositivos Ipad do Mapa de Riscos

Abrirse cara as novas tecnoloxías, supón para a Asociación de Empresarios un paso prioritario, por elo, pon en marcha novos proxectos dentro do seu gabinete de prevención de riscos, encamiñados cara as tecnoloxías actuais.

Dentro deste contexto creouse unha aplicación para dispositivos Ipad do mapa de riscos. Esta ferramenta suporá facilitar o acceso ao Servizo de Primeira Intervención de San Cibrao para un coñecemento exacto da situación das empresas da zona industrial; a visualización rápida e eficaz dos elementos de risco das empresas; e a rápida elaboración de informes e incidencias.

Ademais esta aplicación permitirá aos servizos de emerxencias fora da nosa zona, como os bombeiros de Ourense e o 112 un coñecemento rápido e eficaz ante calquera perigo ou incidente.

A través dunha interface sinxela e moi intuitiva a nivel visual, poderanse cumprimentar os correspondentes formularios cos datos necesarios para a elaboración posterior dos informes de riscos das diferentes empresas e obter toda a información necesaria en canto a situación dos riscos e emerxencias nas industrias de San Cibrao.

 

¿Qué é o mapa de riscos?

O Gabinete de Prevención de Riscos Laborais analizou unha por unha todas as empresas do polígono para elaborar un mapa de riscos onde se valora o nivel de perigo que un accidente poida ocasionar, así como para tratar de buscar as solucións máis satisfactorias, procurando ante todo a prevención e se é o caso, unha rápida intervención.

A este mapa de riscos dáselle forma mediante unha aplicación informática que permite visualizar as distintas rúas e empresas do polígono, así como un rápido acceso á documentación relativa aos potenciais perigos en cada instalación industrial.

A través desta aplicación, identifícanse as empresas segundo os seus posibles riscos, diferenciando as que teñen risco de explosión polo tipo de materiais que manexan, as que se poden incendiar con facilidade e as que poden producir fugas de gases tóxicos ou outros vertidos incontrolados de produtos perigosos. Tamén contén un esquema operacional xeral ante calquera emerxencia, fichas de intervención para os equipos de emerxencia (inclúe modos de actuación para persoal xeral, emerxencia, evacuación e primeiros auxilios) e un esquema operacional de actuación con diagrama de retorno á actividade, accesos, instalacións e medios de extinción.

Ademais de todo isto, tamén se presenta un plano de localización onde se visualizan as naves e as bocas de rega máis próximas a cada instalación, así como o efecto dominó sobre as que estean máis preto.