Xornada Plans de mobilidade e Accidentes de tráfico Laborais

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, en colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico e con Mutua Universal, reuniu o pasado mes de marzo nun foro de análise a autoridades da DGT, a expertos en Prevención de Riscos Laborais, a empresarios e a responsables de recursos humanos e de prevención no sector empresarial, co obxectivo de concienciar sobre a importancia de poñer en práctica medidas para diminuír os dous tipos de accidentes de tráfico laborais:

Accidentes in itinere, que son os que se producen no desprazamento dende o domicilio do traballador ata o posto de traballo.

Accidentes en misión, que son os que se sofren no transcurso da xornada laboral, por exemplo en tarefas de representación comercial ou de transporte de mercadorías.

Na presentación da xornada, o secretario da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Manuel González Tizón, asegurou que os accidentes de tráfico laborais constitúen unha das grandes preocupacións para o colectivo empresarial, e de forma particular para os empresarios do Polígono, pola elevada densidade de tráfico na zona e polas características dos diferentes viais de acceso dende a cidade de Ourense e dende outras localidades do ámbito.

José Manuel formulou a necesidade de “concienciar a todos os empresarios sobre a transcendencia de introducir e aplicar boas prácticas en materia de Prevención de Riscos Laborais, poñendo todos os medios para reducir os sinistros e creando á vez un ambiente propicio para a implantación de sistemas produtivos seguros”.

Pola súa banda, o director provincial de Tráfico iniciou a súa exposición constatando que tanto os accidentes in itinere como en misión “non” descenderon nos últimos anos ao mesmo ritmo que o resto da sinestralidade de tráfico, sendo a distracción a súa causa principal e, polo tanto, máis difícil de atallar que outras causas máis concretas que provocan accidentes”.

Con todo, para lograr melloras e intentar rebaixar a sinestralidade,David Llorente considera imprescindible ”incorporar ás empresas á nova cultura de seguridade vial que se instalou no noso país nos últimos anos. Para iso, á parte doutras iniciativas, os centros de traballo poden realizar plans de mobilidade con medidas concretas encamiñadas a mellorar a seguridade vial dos seus traballadores, o que ademais pode levar consigo mesmo unha bonificación nas cotizacións á Seguridade Social”, puntualizou.

En opinión do director provincial de Tráfico, a execución dun plan de mobilidade eficaz sempre achega beneficios para as empresas: Pódelles axudar a mellorar as súas contas, ao haber menos días de baixa por accidentes dos seus traballadores, ademais de lograr seguros de frota ou de vehículos máis económicos e tamén bonificacións fiscais. Investir en seguridade vial laboral non é un gasto, é un investimento” concluíu.

Os asistentes á xornada tiveron oportunidade de coñecer as formas de acceder e tramitar o Bonus Prevención, co que as empresas que acrediten unha baixa sinestralidade laboral poden obter descontos nas cotizacións á Seguridade Social. Da divulgación deste contido práctico do programa se encargaron dous representantes de Mutua Universal, María del Mar Arias Matilla, técnica en xestión da área de sinistralidade, e Pablo Espinosa, integrante da área xurídica.

INAUGURACIÓN PLATAFORMA DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas deu hoxe un novo paso como referente ourensano da prevención de riscos laborais, coa posta en servizo da primeira plataforma de simulacros de extinción de incendios existente na provincia. Esta infraestructura é ademais pionera en estar adaptada específicamente para prácticas de sinistros en empresas e en recintos industriais.

A plataforma de simulacros é froito da colaboración entre a Asociación de Empresarios, a Deputación e o Concello de San Cibrao das Viñas. Esta última entidade asumiu a cesión dos terreos municipais que albergan a infraestructura, na estrada da Carballeira, e costeou as obras de adaptación e adecuación das parcelas.

O acto inaugural contou coa participación do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, e do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández Moreiras.

Na súa intervención, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, destacou que a plataforma de simulacros, única en Galicia, dota ao maior asentamiento empresarial de Ourense da primeira infraestructura “adaptada para a realización de prácticas de extinción de incendios nas industrias e en centros de traballo de características especiais, polo tipo de materiais e de produtos que fabrican ou almacenan”.

Engadiu que os terreos de cesión municipal contan dende hoxe con “un excelente banco de probas para actualizar coñecementos, para impulsar a formación e para ensaiar as mellores técnicas de prevención e extinción de incendios”.

 

AS BOTICAS DE PRIMEIROS AUXILIOS

ORDE TAS/2947/2007, do 8 de outubro pola que se establece a subministración ás empresas de boticas de primeiros auxilios con material de primeiros auxilios en caso de accidente de traballo como parte da acción protectora do sistema da Seguridade Social.

A Orde TAS/2947/2007, do 8 de outubro, establece a subministración ás empresas de boticas con material de primeiros auxilios en caso de accidente de traballo, como parte da acción protectora do sistema da Seguridade Social. Esta norma vén a restablecer e confirmar de xeito expreso o carácter obrigatorio das boticas para primeiros auxilios.

O contido das boticas forma parte da prestación de asistencia sanitaria da Seguridade Social), e pode ser facilitados polas entidades xestoras e as mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social á empresa de cuxos traballadores asuman a protección polas continxencias profesionais. (art. 11 do Decreto 2766/1967 de asistencia sanitaria e ordenación dos servizos médicos no réxime Xeneral da Seguridade Social).

Os lugares de traballo disporán de material para primeiros auxilios, que deberá ser adecuado, en canto á cantidade, características, número de traballadores, riscos a que estean expostos e ás facilidades de acceso ao centro de asistencia médica máis próximo. O material e locais de primeiros auxilios deberá estar claramente sinalizado.

A botica de primeiros auxilios que se entregará ás empresas deberá conter desinfectantes e antisépticos autorizados, gasas estériles, algodón hidrófilo, venda, esparadrapo, apósitos adhesivos, tesoiras, pinzas e luvas desbotables.

O material de primeiros auxilios revisarase periodicamente e irase repoñendo tan pronto como caduque ou sexa utilizado.

A botica de primeiros auxilios vai supoñer o medio polo que o traballador accidentado obtén a primeira manifestación de asistencia sanitaria que ha de percibir da Seguridade Social.

 

 

 

 

 

 

 

 

Exposome, unha poderosa ferramenta para avaliar a exposición ambiental (I)

¿Cales son os factores polos que os humanos evolucionamos da saúde á enfermidade? Esta gran pregunta ten unha clara resposta: dende as exposicións tóxicas ambientais ata a vulnerabilidade xenética, pasando polo noso comportamento e estilo de vida, todo iso contribúe ao desenvolvemento da enfermidade.

Décadas de investigación evidencian que aínda que na orixe do cancro e da maioría das enfermidades crónicas existen tanto causas xenéticas como ambientais son, sen dúbida, estas últimas as máis importantes (80-90%). Non obstante, a pesar da súa enorme importancia, o “ambiente” segue sendo moi pouco coñecido.

No ano 2005 o Dr. Christopher P. Wild, director da axencia internacional para investigación do cancro, contrastou o esforzo e os custos que se dedicaron aos estudios xenéticos en contraposición aos ambientais.

A balanza estaba claramente a favor dos primeiros, con sofisticadas ferramentas de análise, mentres que para cuantificar a exposición ambiental os medios técnicos cambiaron moi pouco dende os anos 70 (medicións ambientais no lugar de traballo, medicións no auga e aire da comunidade, determinacións en alimentos…)

Pero, ¿que é exactamente o ambiente? Tradicionalmente este termo foi asociado á exposición a contaminantes ambientais externos, ben no traballo (hidrocarburos aromáticos policíclicos no lugar de traballo por exemplo) ou ben no ambiente da comunidade (pesticidas como contaminantes ambientais). Este concepto foi absolutamente reducionista deixando fóra outros factores externos e internos. Entre os primeiros esquecémonos o estrés, a localización xeográfica onde reside o paciente, os hábitos do individuo (inxestión de fármacos, tabaco, alcohol e outras drogas), a súa actividade física e, sobre todo, a dieta. Pero é que, ademais, no termo ambiente se facía pouco énfase nas causas internas (especialmente as infeccións e inflamacións previas a que estivera exposto o individuo, e sobre todo, a flora intestinal propia, xeradora de trimetilamina, a cal constitúe un factor de risco fundamental na xeración de arteriosclerose).

Ata agora cos métodos tradicionais analizábase cada un dos factores etiolóxicos do “ambiente” de forma individual (por exemplo, a determinación da exposición ambiental no traballo). Este marco de traballo era froito do paradigma imperante dose-resposta, que pretendía avaliar que unha determinada dose dun tóxico ía producir unha determinada resposta. É por iso que un dos desafíos da ciencia é tratar o “ambiente” como unha entidade única, cunha linguaxe común para todos os profesionais procedentes de diversos ámbitos (medicina do traballo, epidemiólogos, investigadores, etc). Esta linguaxe común pode ser atopada grazas ao concepto de exposome. En palabras de C. Wild, exposome constitúe a totalidade das exposicións (internas e externas) que sofre unha persoa dende o mesmo momento da concepción, durante toda a súa vida. Exposome (todo o non xenético) é un novo concepto unificador de todas as exposicións, que se contrapón ao xenoma (só o xenético).

Continúa no próximo número…

Pero se exposome inclúe todas as exposicións internas e externas ¿existe algunha técnica de laboratorio que permita esta análise en conxunto?

As novas tecnoloxías ómicas (transcriptómica, aductómica, metabolómica) permítennos encontrar novos biomarcadores de dose efectiva que valoran a “exposición ambiental total”, constituíndo o que algúns investigadores denominan o “santo graal da exposición”. Estas técnicas son capaces de detectar un perfil proteico (pegada ou sinatura química concreta) que implica unha futura evolución á enfermidade/cancro nese paciente, pero coa particularidade de que se retiramos o axente etiolóxico tóxico, esa “pegada ou sinatura” proteica volve á normalidade.

Vexamos o exemplo da exposición a benceno no medio laboral: na actualidade analizamos a exposición con determinacións ambientais no lugar de traballo (avaliación externa) e con análise de biomarcadores de exposición interna (ácido t, t-mucónico e ácido S-fenilmercaptúrico en ouriños), o resultado da cal tan só nos indica se o paciente está ou non exposto, non sendo útil para o diagnóstico da enfermidade. Usando as novas tecnoloxías, en concreto a transcriptómica, identificáronse recentemente dúas sinaturas proteicas de exposición a benceno; isto indica con absoluta certeza que os traballadores con ese perfil van desenvolver os efectos tóxicos do benceno a menos que se elimine o factor etiolóxico de risco (niveis elevados de benceno en aire ambiente laboral, exposición a tabaco, etc). A súa importancia radica en que detecta a posible enfermidade de forma precoz, cando existe capacidade de revertela. Todo isto fai que o concepto de exposome vaia cambiar nos próximos anos a práctica da medicina en xeral e de forma concreta a da hixiene industrial, pasando dunha medicina preventiva e poboacional a unha medicina preditiva e individualizada.

 


Angél Tomás Camacho García

- Médico especialista en Análises Clínicas, PhD

- Director Médico do Laboratorio Lema-Bandín

- Fellow of the American College of Medical Toxicology

- Coordinador nacional da Área de Toxicoloxía Clínica en Aetox

 

Contacto:

atcamacho@lemabandin.com

www.lemabandin.com

 

Benvidos blogueros!

Moitas grazas por entrar no noso blog de prevención de riscos laborais.

Damos un paso máis no noso camiño pola cultura preventiva, abrimos novos campos de traballo e dámonos a coñecer a través das novas tecnoloxías, pero sempre cun único obxectivo:“A LOITA CONSTANTE POR MELLORAR AS CONDICIÓNS DE TRABALLO E ESTENDER AO MUNDO DA EMPRESA, A CULTURA DA PREVENCIÓN”.

Por iso, non debemos deternos nunca, e camiñar xuntos, empresarios e traballadores, para lograr o noso obxectivo, sendo capaces de conservar a esencia empresarial que cada día nos estimula.

Sen máis, darvos a benvida a este espazo interactivo, que servirá de conexión profesional e ferramenta de traballo en materia de prevención de riscos laborais.

 

 

 

José Manuel González Tizón.

Responsable Comisión de Prevención de Riscos Laborais.

Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao.